|
|
 |
Saúdo do Presidente Xerardo
Fernández Albor
|
|
Como
Presidente da Fundación Valle-Inclán teño a satisfacción
de saudar a todos aqueles amigos que, desde calquera
lugar do mundo, acceden a esta páxina institucional.
A Fundación que teño a honra de presidir ten como
obxectivos principais a difusión e o estudio da
vida e da obra de unha das grandes figuras da cultura
galega, española e universal de tódolos tempos:
don Ramón Mª del Valle-Inclán. A tal fin a Fundación
traballou desde hai anos de xeito discreto e calado
na súa propia consolidación e organización, o que
nos permite encetar agora unha nova etapa caracterizada
pola presencia social e a actividade pública.
Desde a miña responsabilidade como Presidente da
Fundación Valle-Inclán e coa axuda de tódolos membros
do Patronato e colaboradores pretendo impulsar unha
renovación de acordo con tres liñas ou eixes principais
de actuación: dinamización e mellora da vida interna
da institución, colaboración coas institucións de
maior prestixio no mundo da investigación valleinclaniana
e apertura da institución á sociedade.
Coa creación deste espacio virtual, desta páxina
web, a Fundación Valle-Inclán aposta decididamente
polas novas tecnoloxías da comunicación a fin de
facilitar o acceso á información dun maior número
de persoas de tódolos lugares do mundo. Esta páxina
web debería ser -e agardamos que o tempo así o confirme-
un espacio con dúas vertentes paralelas. Por unha
parte, haberá de ser un medio de comunicación moderno
e eficaz ao servicio da propia institución; pero
eu quero imaxinala tamén como o punto de encontro
de tódolos admiradores da obra literaria de Valle-Inclán
espallados polo mundo, millóns de persoas enfeitizadas
polo engado da escrita deste galego irrepetible.
Quero, xa que logo, invitar a tódolos valleinclanistas,
estudiosos, investigadores e amantes da obra de
don Ramón a colaborar neste foro enviando as súas
aportacións, suxestións, críticas...
Na medida das nosas posibilidades iremos actualizando
e mellorando os contidos desta páxina, introducindo
informacións e proporcionando recursos aos nosos
visitantes e amigos. O meu desexo é que este moderno
medio resulte útil e axude a un mellor coñecemento
da obra literaria de Valle-Inclán, un dos grandes
monumentos da nosa cultura contemporánea, contribuíndo
á unión de tódolos valleinclanistas do mundo arredor
deste patrimonio común.
Recibide, coa miña benvida, un afectuoso saúdo
Xerardo Fernández Albor
Presidente da Fundación Valle-Inclán
|
|
|
|
|
|
|